23 de febrero de 2011

LECTOESCRITURA


DIFICULTADES NA LECTOESCRITURA

O QUE OS PAIS PODEN FACER PARA AXUDAR AOS SEUS FILLOS

- O papel máis importante que teñen que cumprir os pais de nen@s que comezan a presentar dificultades na lectura quizais sexa o de apoio emocional e social. Un xeito é recoñecer que, debido aos problemas de aprendizaxe, o neno tivo que esforzarse moito máis no seu traballo para alcanzar o seu nivel actual de lectura e escritura. Tamén é importante comunicarlle que se lle seguirá querendo, aínda que non lle vaia ben no colexio.
-Os pais deben deixar moi claro o neno que pode ter éxito e animarlle, xa que pola contra non porá da súa parte o esforzo necesario para superar as dificultades.
-Se os pais tamén tiveron problemas coa lectura sería bo que compartisen co seu fillo os problemas que sufriron. Isto faille ao neno sentirse máis normal.
-É totalmente inadecuado e inútil comparalo con algún irmán ou compañeiro sen problemas. Convén recordar que ambos os dous son distintos e teñen as súas calidades, destacando algunha área na que destaque.
-É importante desenvolver a autoestima a todos os niveis. Pode facerse dispensando ao neno consideración positiva incondicional, en especial cando se sente decaído ou fracasado. É fundamental avalialo polo seu propio nivel, esforzo e rendemento.

QUÉ ACITIVIDADES SE PODEN DESENVOLVER?

REALIZAR ACTIVIDADES VERBAIS PARA DESENVOLVER A CONCIENCIA FONOLÓXICA, como, por exemplo:
-Elixir unha letra do alfabeto, comezando cunha letra que apareza no nome do neno. Durante o día, buscar obxectos que comecen con esa mesma letra ( ou outras).
-Inventar rimas para o nome do neno/a ( "Sara, carabela").
-Facer o son dunha letra. Pedirlle ao neno que intente atopar esa letra nun libro ou periódico. Ler en voz alta a palabra que ten esa letra.
-Describir as cousas que hai, usando palabras que comecen co mesmo son: "casa cadrada".
-Inventar unha rima propia sobre algo de casa.
-Escoller unha canción ou unha rima que o neno saiba. Cantala en voz alta, aplaudindo ao ritmo das palabras.
-Ler con el/ela unha historia que rime ou cantar xuntos unha canción. Deixar que o neno/a vaia completando as palabras que riman.
-Recitar unha rima infantil ou poema, liña por liña. Pedirlle ao neno que repita cada unha das frases ou oracións despois de que se lle vaian dicindo.
-Inventar rimas de dúas palabras acerca de obxectos que haxa na casa, como por exemplo :"taco fraco ". Mellor se as rimas son cómicas.
-Con algúns xogos tradicionais de linguaxe oral tamén se desenvolve a conciencia dos sons:
- “DA HABANA chegou un barco cargado de...”,hai que ir dicindo palabras que comecen por PA, PE, PI, PO e PU.
-“VEXO-VEXO”. O primeiro xogador di "Vexo- Vexo", o outro responde "¿ Que ves "? ". O primeiro xogador responde: "Unha cousiña". Respóndese "¿ Que cousiña é "? ". O primeiro contesta, por exemplo: "Empeza por A-". Hai que descubrir de qué obxecto se trata. (Cando o neno xa domine as sílabas pódese realizar utilizando estas, por exemplo: "Empeza por la".
-PALABRAS ENCADEADAS:O primeiro xogador di unha palabra, por exemplo PLANTA. O outro xogador debe dicir unha palabra que comece pola sílaba final da palabra dita (neste caso, por TA) e así sucesivamente: ZAPATO, TOMATE....
OUTROS PRERREQUISITOS IMPORTANTES PARA DESENVOLVER A LECTURA(ATENCIÓN,MEMORIA, VOCABULARIO).Algunhas actividades que desenvolven estes prerrequisitos:
-Aprender o seu número de teléfono e os dalgún familiar ou amigos.
-Localizar nas tendas o que van comprar e collelo.
-Xogar con crebacabezas, barallas de familias,animais, etc.
-Aprender os días da semana ,os meses do ano...
-Buscar diferenzas entre dous debuxos case iguais.
-Observar durante un tempo unha lámina, foto,..., e preguntarlles qué cousas había, cantas persoas, qué roupas levaban, qué tempo facía, etc.
-Ensinarlle cancións de corro, adiviñanzas e refráns.
-Poñer obxectos sobre a mesa e dicirlle que peche os ollos; esconder un obxecto e cando abra os ollos ten que descubrir cál falta.
-Describirlle un obxecto da casa, e que o adiviñe.
-Ler xuntos unha historia e falar sobre ela. Facerlle preguntas para ver se se acorda dalgúns dos acontecementos do conto.
-Recordar que comeu o día anterior na comida e na cea.
-Aproveitar todo tipo de saídas, para explicarlle por qué pobos pasa e que é o que vemos.
-Ver con el/ela un programa de TV e preguntarlle polos personaxes, como se chamaban, qué cousas facían, etc.
-Deben confiar nos profesionais da educación e seguir as súas orientacións e propostas de colaboración, de modo que tanto a familia como a escola vaian na mesma dirección.
-Non todos os nenos levan o mesmo ritmo, e o importante é que cada un alcance os seus obxetivos de acordo á madurez que vaia adquirindo; non debemos perder a paciencia, nin atosigar ao neno.
-Hai que propiciar no neno o desenvolvemento dunha relación positiva co texto escrito, asociando a lectura con situacións placenteiras: manipulación de libros, audición de lecturas por un adulto antes de durmir, ler a dúas voces (o adulto le o conto, pero de pronto cala, ou o adulto le un anaco e o neno outro, etc.).
-Demostrar ao neno/a a utilidade da lectura: lendo no xornal a qué hora empeza un programa de TV, consultando os catálogos de xoguetes, vendo a data do seu aniversario nun calendario, lendo unha receita de cociña, escribíndolle notas para que faga recados, lendo as notas que lle entregan no colexio, etc.
O neno comeza a achegarse á lectura, sobre todo, cando ve ler os máis próximos. Se nos ve ler habitualmente aos maiores, se lle estimulamos para que poñan atención aos escritos, pronto comezarán as preguntas: "¿que pon aí "? ", "¿ que letra é esa"?. Neste momento podemos dicir que a aprendizaxe da lectura comezou.
-Debemos proporcionarlles libros. Nos libros para os máis pequenos predomina a ilustración e os elementos gráficos. Mediante os debuxos, os nenos recoñecen obxectos, persoas, animais... Algúns libros inclúen textos mínimos: palabras, frases sinxelas, pequenos diálogos, repeticións, palabras e frases sonoras. O son das palabras pode ser un aliciente para a lectura dun libro: descubrir sons estraños, divertidos, cacofónicos... A estas idades gusta a repetición de sons, de palabras, de ideas... Gústanlles as historias de ficción ou temas da vida, pero sempre con predominio absoluto da imaxe. As historias deben ser sinxelas e doadas de predicir.

ANTES DA LECTURA PÓDESELLE AXUDAR :
-Recapacitando sobre o que vai ler e para que está a ler: entreterse, localizar un dato...
-Axudándolle a recordar o que sabe sobre o tema tratado ou sobre asuntos relacionados.
-Fixando a súa atención sobre as marcas do texto que proporcionan información sobre a súa estrutura: índice; títulos e subtítulos; capítulos e apartados; subliñados,letras grosas...
DURANTE A LECTURA PÓDESELLE AXUDAR:
-Chamando a súa atención sobre imaxes e esquemas que acompañan ao texto, sinalando a relación entre ambos os dous.
-Estimulándoo a que fale e conte o que está a ler.
-Preguntándolle se está a atopar problemas e axudándoo a concretar que é o que non entende e onde pode residir o problema: no vocabulario, na estrutura das frases, no tema...
-Dando solucións cando non comprende algo: a relectura, a lectura do contexto,
DESPOIS DA LECTURA PÓDESELLE AXUDAR:
-Conversando sobre a lectura, descubrindo qué pasaxes foron máis complicados e por que.
-Indicándolle que pode anotar as súas dúbidas e as debe saber formular na clase (especialmente na realización de traballos escolares).
-Recordando o vocabulario novo e comprobando que aprendeu o seu significado.
-Orientándoo cando trata de facer un resumo e invitándoo a sacar conclusións, a ordenar unha historia, a facer un esquema.
-Realizar diariamente un anaco de lectura de xeito simultáneo co neno, de modo que se lle ofreza un modelo correcto para aprender e imitar.
-Importante recordar :”non debemos esquecer que o neno necesita tempo para relaxarse, para dedicarse a algunha outra actividade e para "desconectar"”.